Saturday 11 de May de 2024

O acto encádrase na conmemoración do “Día da Poesía”


O escritor Fenés Pablo Bouza presenta este venres na biblioteca municipal a súa obra “Os privilexios dos somnánbulos”

A biblioteca municipal “Xosemaría Pérez Parallé” de Fene conmemorará este venres o Día da Poesía coa presentación do libro de poemas de Pablo Bouza “Os privilexios dos somnámbulos”. Esta obra resultou gañadora en 2013 da edición número 39 do Certame Literario do Concello de Vilalba, un dos concursos poéticos máis veteranos de Galicia, e tamén foi finalista nos Premios da Edición de Galicia 2014, na modalidade de Mellor Libro de Poesía do ano. No acto, que comezará o venres ás 20 horas, o escritor fenés estará acompañado polo director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos.

Pablo Bouza foi o autor da declaración institucional do Día da Patria Galega en Fene no ano 2015. Como poeta, é autor dos libros In aeternum (2007), O home que falaba coas baleas (2008), Ingrávido Signo (2010) e Na intimidade do azougue (2011). As súas obras recibiron numerosos premios e recoñecementos. Entre eles, Pablo Bouza foi gañador, ata en cinco ocasións, do Certame Literario do Concello de Vilalba.

TALLER DE POESÍA

Antes da presentación do poemario de Pablo Bouza, a Biblioteca Municipal de Fene acollerá tamén este venres un taller de poesía para nenos/as de 8 a 12 ano. No decurso desta actividade, que comezará ás 17 horas, os/as participantes traballarán con poemas coñecidos e crearán tamén os seus propios versos, rematando o taller coa súa plasmación nun mural que encherán de árbores, flores… e de versos.